Biografía de Daniel Cerqueiro García

Nacín na Coruña, o 21 de Xaneiro de 1977. Fun o primeiro fillo de Ubaldo Cerqueiro Tojo e María Isabel García Nieves. Recibín moito cariño e algún exceso de mimos, circunstancia que se solucionou cando aos 4 anos naceu o meu irmán Ubaldo. Ao pouco de nacer deixamos o piso alugado na rúa Primavera por un piso en Ronda de Nelle que sempre considerarei o meu primeiro fogar.

Os meus primeiros anos estiven na Gardería "O Niño", da que gardo poucos pero moi bos recordos. Desde prescolar ata COU (si, eu estudie antes da LOGSE ;-)) estiven no Colexio Obradoiro, situado en Feáns cando aínda non estaba ateigado de urbanizacións e podíase disfrutar do monte.

Despois, afortunadamente, marchei estudar Físicas á Universidade de Compostela, onde ademais de rematar a carreira comencei o doutorado, dentro do Grupo de Física Non Lineal da Facultade. De alí marchei a Ourense para rematar o doutorado en Modelización Numérica do Oleaxe e traballar como técnico na Universidade de Vigo.

Cambio de rumbo

Nesa momento tiven que tomar a decisión profesional máis importante da miña vida ata o de agora, seguir ou non traballando na universidade. A verdade foi que, a pesar do bo ambiente que había no departamento onde traballaba (moito teño que agradecer a Moncho Gómez Gesteira e o seu grupo), nunca sentín que estaba aproveitando o meu tempo e as miñas posibilidades, polo que decidín tomar un novo rumbo.

Xunto a Rodrigo Varela (agora traballando pola súa conta), fundei Galinus. Ao principio non tiñamos moi claro a que nos íamos adicar concretamente, pero si que queríamos traballar pola nosa conta nalgo relacionado con internet e as novas tecnoloxías.

Esa época foi bastante dura, xa que a nosa decisión non foi entendida nin apoiada por unha parte do noso entorno. Realmente só tivemos o apoio da familia, de Irene (a miña muller, a que tanto debemos eu e maila empresa) e de un bo feixe de amigos. E ese apoio é máis de agradecer cando moitos deles non comprendían ben as razóns dese cambio de rumbo, pero confiaban incluso máis do que eu confiaba en min mesmo.

Pero esa etapa complicada foi tamén a máis enriquecedora da miña vida. De súpeto vinme obrigado a mirarme ao espello e decidir que quería facer na vida, sen ter un camiño predefinido que facilitase a elección. E o que é máis importante, tiven que demostrame a min mesmo que era o suficientemente forte como para tirar dun proxecto partindo de cero.

Vivindo na Costa

Actualmente vivo en Corcubión, a onde me trasladei definitivamente no 2004. Levo casado con Irene desde maio do 2008, aínda que xa levábamos 10 anos compartindo as nosas vidas. E sigo traballando en Galinus, Taller de Novos Medios, un proxecto máis colectivo que nunca, onde comparto o meu tempo e as miñas esperanzas cun equipo humano incrible: Javier Calaza, Marga Castro, Javier Mosquera e Ubaldo Cerqueiro.

Grazas a vivir aquí, na Costa da Morte, puiden por fin sentir que hai un territorio onde as miñas accións teñen sentido, onde podo axudar a mellorar as cousas implicándome no desenvolvemento da bisbarra. Por elo, a pesar de que a maioría dos nosos clientes non están aquí, estamos especialmente orgullosos daqueles traballos relacionados coa Costa, e sobretodo de Que Pasa na Costa, un diario dixital sobre a Costa da Morte que está creando unha interesante comunidade ao seu redor.

Por outra banda, tamén estamos implicados no desenvolvemento do país e das posibilidades que achegan as TIC, polo que pertencemos e traballamos para Eganet, a Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías. Actualmente son membro da Xunta Directiva, sendo o Vicepresidente primeiro.

Tamén é moi importante a xente que coñecemos por medio do eventos máis informais, como o Cocktail Cadius (con Marcus, Catuxa, Arturo e outros tipos de moito interese) ou as xornadas de Iniciador Galicia (graciñas a María Encinar e o seu equipo); e do Laconnetwork, do que son un dos seus promotores.

Un non pode saber onde lle vai levar o futuro, pero espero ter a oportunidade de seguir vivindo aquí durante moito tempo, compartindo o tempo coa xente que me quere.

Volver á páxina persoal.